Preguntas frecuentes

Por que fai falla rehabilitar o grupo escolar de Valiño?
O grupo escolar de Valiño foi xestionado pola Xunta de Galicia como escola unitaria para as crianzas da contorna e foi devolto en moi mal estado. Por circunstancias administrativas non se lle esixiu á Xunta a súa restauración e aínda que se mudou a carpintería exterior fai 10 anos esta non cumpre as medidas de illamento térmico mínimas. O tellado require ser cambiado completamente e as humidades despois de tantos anos están desfacendo a estrutura por dentro. Urxe actuar e esta reforma dará conta de tódolos problemas estruturais.

Quen conseguiu esta subvención Europea?
Aínda que existe a colaboración entre administracións nomeadamente a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mondariz, esta subvención europea responde á iniciativa e audacia da Entidade Local de Vilasobroso que solventou ata o momento tódalas trabas administrativas, xurídicas e case tódalas necesidade económicas a falta da colaboración dos veciños.

Quen pon o diñeiro?
O IDAE é un organismo estatal que xestiona os fondos europeos e achega algo máis de 300.000 euros, a Entidade achega 55.000 euros, a Deputación 20.000 euros e agardamos que as veciñas, veciños e simpatizantes do proxecto acheguen o 6% que falta.

Por que ese proxecto e non outro?
A Entidade Local unha vez localizada a posibilidade de solicitar a subvención de envolvente térmica do IDAE, contactou no inicio da lexislatura cun arquitecto local e transmitiulle a necesidade de restaurar integramente a estrutura. A subvención de envolvente térmica requiría a audacia de adaptar as nosas necesidades ao tipo de subvención. Despois de varios meses de inxente traballo presentamos a través da Deputación o proxecto que foi avalado polo propio IDAE, un fito que outras administración non conseguiron aínda contando con recursos económicos e que da proba da categoría do proxecto e do bo facer do arquitecto.

A que se vai destinar o colexio unha vez restaurado?
O edifico terá dúas aulas simétricas e polivalentes que poderán albergar xuntas veciñais, actuacións así como diversidade de actividades culturais, formativas e deportivas. As antigas vivendas (corpo central do edificio) serán o vestíbulo de entrada ao edificio e arriba destinaranse a oficinas e salas de reunión para as distintas asociacións da Entidade (Traída de Augas, Asociación de Santa Lucía, Asociacións Deportivas, Culturais…) O colexio poderá ser o que queiramos porque ten un espírito flexíbel e polivalente que se adapte ás nosas necesidades e dependerá de nós, dos veciños e veciñas facer deste edificio un lugar de encontro e un punto de partida para a dinamización social que siga facendo de Vilasobroso un lugar no que nos guste vivir con tódolos servizos e que ademais invite aos nosos veciños a querer visitalo.

Por que se iniciou unha campaña de doazón?
Desde que se presentou o proxecto a Entidade vén comunicando a necesidade da colaboración colectiva. Foi a iniciativa das veciñas, principalmente de Vilasobroso, a que transmitiu a urxencia da restauración. Esta Entidade escoitou as demandas e púxose a traballar logrando un fito histórico para a nosa localidade. Faise un esforzo económico considerable con parte dos cartos que o Concello de Mondariz nos debe historicamente, pero sería un esforzo estéril se non somos quen de compartir a necesidade colectiva deste proxecto. A participación económica veciñal amosará o interese real que os veciños teñen no grupo escolar de Valiño e os fará partícipes a partes iguais dos logros e das obrigas de mantelo cheo de vida.

Hai unha cantidade mínima de doazón?
As doazóns son absolutamente voluntarias. A Entidade recomenda unha doazón mínima de 150 euros porque para a maioría dos veciños é unha cantidade que se desgravará na declaración do seguinte ano. Necesitamos aínda así que os veciños e as veciñas fagan doazóns en función das súas posibilidades.

Haberá premios para os doantes?
A Entidade ten claro que non haberá maior premio que ver restaurado o grupo escolar de Valiño e que sexa o edificio emblemático no que se artelle a dinamización cultural, social da nosa localidade. A Entidade entende tamén que é de xustiza lembrar as persoas que fixeron doazóns, e estuda ademais dunha mención honorífica no libro de insignes ,a realización dunha placa homenaxe conmemorativa que presida o edificio ou o torreiro de Valiño para que as xeracións futuras poidan agradecer o esforzo e a convicción da maioría dos veciños orgullosos de querer un Vilasobroso vivo.

Por que se pode desgravar?
A Lei estatal 49/2002 é clara no seu artigo 16 no artigo 17 que confirman que as achegas de cartos ás Entidades Locais son desgravables. O artigo 19 confirma que as persoas físicas poden desgravar ata un 80% de 150 euros e un 35% do resto que exceda. As empresas desgravan un 35% de calquera cantidade.

Que debo facer para desgravar?
Para desgravar son necesarias varias condicións. A primeira é ter pagado IRPF. Calquera traballador por conta propia ou asalariado, calquera pensionista ou con prestación contributiva paga IRPF. Se tes ingresos de máis de 500 euros ao mes xa podes desgravar 120 euros dunha doazón de 150. A segunda condición é facer a declaración que é absolutamente gratuíta e se pode facer ata por teléfono. E a terceira condición é presentar un certificado que a Entidade vos dará especificando a cantidade doada para poder desgravala.

Que pasará coa miña doazón se non se conseguen os cartos?
A Entidade non contempla a posibilidade de que os veciños e veciñas de Vilasobroso non entendan a importancia deste proxecto pero se non se conseguen os cartos REXEITARASE a subvención e tódalas doazóns serán devoltas.

Cal é o prazo para facer doazóns?
A Entidade cerrará o prazo para facer doazón a finais deste ano 2021 antes de que se inicien as licitacións da obra do proxecto e para confirmar que dispoñemos de fondos despois das achegas dos veciños.

Como se pode doar?
A Entidade facilitou o número da única conta da que é titular para que se fagan transferencias. Podes achegarte ao teu banco e pedir que se transfiran os cartos a esa conta. Podes achegarte con efectivo á oficina de ABANCA de Mondariz ou a calquera oficina da mesma sucursal. Calquera dúbida ou suxestión non dubides en contactar con nós.